Tráiler de Starship Troopers 3. Marauder
9 Maio 2008Tráiler de Starship Troopers 3!! Había unha segunda? Vede o tráiler, vede. Esta hai que vela entre os colegas unha tarde moi aburrida. Pero hai que vela, chi.
O filme inda está en post-producción e agárdase a súa estrea no presente ano.
Maratón de Pesadelo en Elm Street. Parte 4
8 Maio 2008O enorme éxito da terceira parte fixo que tan só un ano despois pudiésemos ver unha nova entrega e en agosto de 1988 estreábase comercialmente Pesadelo en Elm Street IV, que levaba o subtítulo de “Dream Master”. Este subtítulo foi traducido de múltiples formas por estes lares, comunmente como “Maestro de los sueños”, unha tradución moi pouco apropiada. Así que eu prefiro quedarme coa traducción que fixeron no mítico programa de Antena 3, Noche de Lobos, alá polo ano 90, na que falaban de “Amo dos soños”.
Pero vamos ó que vamos. Este Pesadelo 4 é probablemente, xunto coa primeira parte, o mellor e o máis importante de tódalas entregas da saga. Como xa é habitual en toda a saga, continúa o desfile de talentos polos filmes, e se a anterior era a peli de Patricia Arquette, ou a primeira a de Johnny Deep, esta vai ser sen dúbida a peli de Renny Harlin.
O director vikingo vaille dar auténtica personalidade a este filme e eso vaille servir de detonante para unha carreira exitosa aínda que en claro declive nos últimos anos. Harlin, que pouco despois deste filme dirixiría A Xungla de Cristal 2 e a mítica As aventuras de Ford Fairlane vai imprimirlle ó filme un ritmo frenético e un tono metalero co que anticipa, esteticamente, a chegada dos 90.
Despois da inocencia da que falábamos en partes anteriores, Harlin vai marcar un punto de inflexión na saga cun filme máis moderno e que soubo envellecer infinitamente mellor que o resto.
O argumento propón unha volta á orixe, condicionado polas distintas variables que se produciron na historia. Kristen (que agora xa non é Patricia Arquette senón Tuesday Knight), é a que sofre o inicio dos pesadelos, e é a única que pode proporcionarlle vítimas a Freddy (algo similar ó que acontecía na segunda parte). Sen embargo, a historia non tardará en querer desligarse do pasado e as personaxes herdadas da secuela anterior palman na primeira media hora para pasar o protagonismo a Alice Jonson (Lisa Wilcox) unha antiheroína que ten que pasar de ser a rapaza tímida da clase á todopoderosa que remate con Freddy.
A partires daquí, o filme vaise estruturar sobre dúas grandes tramas, a evolución de Alice como heroína e a sucesión de mortes que fan a Freddy máis poderoso pero que paradoxicamente tamén fan medrar o poder de Alice.
As voces máis críticas acusaron ó filme de non aportar nada novo e de ser predecible, mais creo que é dos máis redondos de toda a saga. É certo que desde o comezo podes deducir quen vai chegar ó final, sen embargo, a importante carga de humor, a linguaxe dos soños tinxida de certo surrealismo e o ritmo de rock and roll que cubre o filme, fai que sexa unha das entregas máis divertidas.
Ademáis hai unhas cantas secuencias antolóxicas. A resurrección de Freddy despois dunha ardente mexada do can de Kincaid é gloriosa. Por non falar dos momentos nunchacu ou a kafkiana metamorfose de Debbie (Brooke Theiss).
Despois deste filme todo o que vai vir é decadencia.
Curiosidades moi moi frikis
- Hai varias curiosidades musicais. Pesadelo 4 é o filme no que a música ten un peso máis importante e na banda sonora podemos atopar desde composicións de rap ou rock a metal. Neste sentido, a primeira curiosidade que nos atopamos é nos títulos de crédito que comezan con unha nena pintando cun xiz. De fondo soa unha música que ten un inicio inquietante e unha guitarra potente, trátase do tema Running from this nightmare. Este tema non aparece na B.S.O. da peli e está interpretado por Tuesday Night que é a mesma que interpreta a Kristen no filme.
- Lin por aí que Bruce Dickinson compuxo un dos grandes éxitos de Iron Maiden, Bring your daughter… to the slaughter para este filme. Sobre esto teño as miñas dúbidas. A canción non aparece no filme, sen embargo si que atopamos unha referencia ó mesmo nos créditos do Pesadelo 5 onde tampouco soa durante a peli. En todo caso, o tema editouse no disco No prayer for the dying e convertiuse nun dos grandes éxitos de Iron Maiden.
- Outra banda mítica que sí que está neste filme é Blondie que aportou un tema tanto ó filme como á súa B.S.O. Trátase de Rip her to shreds que saía editado no disco de debut Blondie.
- Rachel Talalay, auxiliar de producción da primeira parte, xa é unha dos produtores deste filme.
- O guión é un dos puntos destacables deste filme e vemos que o firma un descoñecido William Kotzwinkle. Xunto a el, aparece como co-guionista un home que naquel entón tamén debía ser un descoñecido: Brian Helgelan. Cos anos Helgelan vai convertirse nun dos guionistas máis importantes de Hollywood e o responsable de títulos como L.A. Confidential ou Mystic River.
Continuará…
Fagot
10 filmes zombis que marcaron a miña non vida (II)
7 Maio 2008
O Amencer dos Mortos (Dawn of the Dead, 2004, Zack Snyder)
Este filme dirixido por Zack Snyder, artífice tamén da adaptación da banda deseñada de Frank Miller 300 (sangue, suor e carne, moita carne) e da agardadísima Watchmen (baseada na banda deseñada de Alan Moore e Dave Gibbons), e cun guión de Romero podería dicirse que foi o meu espertar zombi (durmido durante anos).
Trátase dunha adaptación doutro gran clásico, Zombi, mais un pouco máis actual. Un grupo de superviventes trata de non rematar sendo comida para os “deficientes respiratorios” dentro dun gran centro comercial. Hai escenas para recordar, como o bebé zombi e algunha máis que vos invito a descubrir por vós mesmos. Por suposto, e como non podía faltar, cameos de Tom Savini e Ken Foree (segundo a súa páxina web The World Greatest Zombie Killer), moito sangue e vísceras.
A Raiña dos Mortos
Outlander
7 Maio 2008
Outlander é a historia dun extraterrestre humanoide (Jim Caviezel) que se esnafra na Terra, liberando un monstro que devora todo o que se atopa ó seu redor. Desgraciadamente, a pega está en que o amigo E.T. chegou ó noso planeta na época dos vikingos, así que tódos ben xuntos terán que empregar arcos e frechas para cazar ó bicharraco en cuestión, o cal vai complicar á tarefa de forma ostensible. Recordemos que o seu director e guionista, Howard McCain, insistiu moito en potenciar o “realismo” (!) do film. Isto serve para exemplificar que parece que nos atopamos ante unha peli bastante gore. Pasará o mesmo que con Pathfinder e fixo que directamente a DVD. En fin… non sei nin porqué a puxen. Un Depredador nos vikingos? A web é triste, triste…
O proxecto inda se atopa en preproducción e inda non hai data de estrea, inda que se agarda que sexa neste 2008.
Imaxes de Batman: Gotham Knights
7 Maio 2008
Batman: Gotham Knights é a serie de curtas de animación que acompañarán a estrea de The Dark Knight e poranse directamente á venda en DVD. Rollo Animatrix.
10 filmes zombis que marcaron a miña non-vida (I)
5 Maio 2008
A noite dos mortos vivintes (Night of the Living Dead, 1968, George A. Romero)
Aquí escomezaba unha das sagas que endexamáis debería faltar en ningunha das nosas casas, a de George A. Romero Mortos Vivintes. Un clásico do cinema de terror e, por suposto, do noso subxénero favorito, o zombi. Vale que se podería dicir que non ten demasiado a ver coas grandes cantidades de sangue e vísceras ás que seguramente esteas acostumado se eres un zombimaníaco, mais é un clásico entre os clásicos e daba o pistoletazo de saída para a creación deste grande xénero.
Louvemos todos a Romero!!!
A Raiña dos Mortos
Copiar-pegar, copiar-pegar, copiar…
5 Maio 2008Bueno, que se pode dicir de Aliens vs. Depredador 2. Non moito que unha persoa cun pouco de sentidiño non vira. Vendo a “grande” película que foi a primeira, onde destrozan directamente un filme que podería convertirse nun mito, convertida nun produto vacío, sen clasificación de terror, acción ou comedia (e aínda por riba destrozaron unha lenda coma o Sr. Weyland).
Pois con estes precedentes con que ánimos se pode esperar unha segunda parte? Pero, coma sempre, a esperanza é o derradeiro que se perde. Logo de ve-lo trailer, non cabe dúbida que se renovaron un pouquichiño esas esperanzas, non de ver un bo produto (iso era obvio), pero polo menos no trailer amosaron máis sangue e máis mortes que en toda a súa predecesora.
En canto o filme en si, non se pode dicir que é malo malo, inda que só sexa polo feito de que colleu todo o bo dos filmes de Alien e Depredador e copiaron diálogos, nomes e secuencias clavadiñas deles, polo que moi mal o tiñan que facer. Está chea de topicazos pero polo menos é bastante gore, co que o arranxan un pouquichiño.
Unha película entretida, para ver e disfrutar (e botar unhas risas) cos amigos, pero sempre queda esa dúbida de que podería ter pasado se en vez dun pobo de Colorado fora nun lugar semellante a Hadley´s Hope e en vez de USMC (United States Marine Corps) foran USCM (¡¡¡UNITED STATES COLONIAL MARINES!!!). Teremos que esperar a algún director que decida facer unha película con xeito.
Diefer K’san
X Files 2
5 Maio 2008Chi, vai haber continuación de ¡Expediente X! Ummm. Non sei que pode sair disto, encontrándonos con Mildred e Scuby de novo, pero a min xa me entran gañas de vela serie de novo. Non sei quen a terá…
A estrea por estas terras está prevista para o 25 de xullo deste ano.
Un tráiler cutre en Cinemavip, máis info nun bló dedicado en exclusiva ó filme e unha pequena entrevista a David Duchovny.
Non son zombis, son infectados…
5 Maio 2008Xa ó sei, fai tempo que xa se estreou, pero uns problemas informáticos e unha época de exames levoume a pospoñer, e moito, as críticas pendentes. E ademáis, é máis doado facer unha crónica deportiva que unha crítica (a xente sabe de que vai).
En canto ó filme en cuestión, temos que falar dunha película correcta, un remake da famosa de Charlton Heston O derradeiro home… vivo ou The Last Man on Earth. Neste sentido, bótaselle de menos ó filme de Will Smith esa sensación de soidade, de estar nunha gran cidade coma Nova York sen existir ningunha alma ó redor. Un dos motivos que me levou a vela foi precisamente iso, de ver como podería ser a Gran Mazá estando un só para disfrutar dela (ou non).
Polo demáis, os infectados están moi logrados. Crean moita ansiedade e co paso da metraxe parece que son algo máis que uns seres sedentos de carne viva e que esconden algo máis que furia asasina. É ahí é onde lle vexo un bo fallo. Despois de aguantar duas horas pensando de que ó final vanse a desvelar moitos misterios, acaba de forma súbita, e que mellor forma de facelo que cunha granada. Non sei, non lle vin moito sentido.
En fin, unha peli para ver nunha tarde aburrida, e sen moitas opción de doble visionado, ou polo menos dentro de algún longo tempo. Aínda que iso si, nos anuncios da rúa ó comezo do filme é un bo lugar para buscar as posibles estreas da Warner, coma pode ser Green Lantern, Teen Titans ou… Batman & Superman!!!
Diefer K’san
Tráiler de Star Trek XI
5 Maio 2008Tráiler de Star Trek XI. Igual de visto pero iso de: “Space, the final frontier…” pon os pelos coma escarpias… A dobraxe ó español é triste…
A estrea de Star Trek: Zero (título provisional) está prevista para o 8 de maio nos EUA.
Tráilers de Indiana Jones e o Reino da Caveira de Vidro
28 Abril 2008Trailers de Indiana Jones e o Reino da Caveira de Vidro [1 e 2]. Xa sei que está moi visto, pero por que non velo outra vez? A traducción deixa que desexar, sobre todo iso de: “¿Y tú eres profesor? -De vez en cuando.” Era mellor “Solo a media jornada” como di en inglés. E tamén lle falta ese son característico dos golpes que caracterizou ás anteriores. Espero que os poñan ó final.
Estrea o 22 de maio.
Porto. Día 6
6 Marzo 2008Isto vai rematando, pero non deixamos de comer. A media manhá probei un dos centos de pasteis que se poden probar nos centos de pastalarías da cidade e estaba bo. E para comer de novo sopa de verduras e spaguettis con polo e chícharos (menudo invento da cocinheira. O polo estaba partido en anacos grandes). Eu quería probar uns rijões, mais non lles quedaban. Todo isto no Restaurante Central dos Clérigos.
Curtametraxes portuguesas de animación. Mostra dunha ducia de curtas da Casa da Animação. Algunha cousa curiosa e moito prescindíbel. Quedo con O Elefante, de Nuno Beato; unha curta de 38 segundos en plastilina, e Jantar em Lisboa, de André Carrilho, cunha animación atractiva e unha historia de amor con toques de ciencia ficción.
Visitor Q. Podería escribir moito sobre Takeshi Miike, case escribir un libro para describir a este director xaponés, mais vouno aforrar e direi que unha vez máis superoume. Direi que o filme é repugnante e aquí vos deixo unha lista do que podedes ver: incesto pai-filla (presumibelmente menor), violencia gratuita, maltrato á nai por parte do fillo, abusóns do instituto agreden ó fillo e intimidan á familia con fogos de artificio e petardos ata case queimar a casa, a nai é heroinómana, necrofilia, sexo con merda polo medio, o pai é vexado analmente no traballo, a nai é prostituta, violación pai-filla, xiringamento de calostro e rapaces asasinados brutalmente.
No comment.
Evil Aliens. Gore do de toda a vida. O equipo do programa de televisión Weird Worlde trasládase a unha illa do País de Gales para facer unha reconstrucción dunha granxeira embarazada por extraterrestres. Alí descubrirán que a historia é real e que os aliens non venhen en son de paz nin fan aquilo de “longa vida e prosperidade”. Así que podemos disfrutar dun menú completo de gore con todo tipo de cortes e mutilacións con todo tipo de material agrícola, sangue, berros, mulleres gostosas, sangue, mutilacións, sangue, sexo con extraterrestres… De todo, como en botica.
O filme amósanos como novidade o enfrontamento entre os malvados aliens e os garrulos granxeiros galeses que nin sequera falan inglés (de feito cuspen ó chan cando o escoitan nombrar)
Wolfhound. Non quero extenderme. Escribirei o que punha o programa: «Um grande guerreiro, Wolfhound, é o último homem da tribo dos Grey Dogs. Após ter escapado da morte certa, Wofhound tem un desejo só - vingança. Aceita servir de protector de Elen, a princesa de Galirad e numa viagem perigosa, cheia de mistérios. Na linha de “Lord of the Rings” com a habitual espectacularidade russa.» Eu máis ben diría “o filme dun ruso que viu O Senhor dos Aneis”… Mimadrinha! 136 minutos alí pegados aguantando un pastiche que polo menos serviu para botar unhas risas.
Antes puidemos ver un par de curtas: Shut-eye Hotel, de Bill Plympton, da que gustei, e Occupations, unha curta de Lars Von Trier feita por encargo e da que non contarei nada para que fiquedes tan sorprendidos coma min.
Notas:
Entrevistas realizadas con éxito en dúas sesións de 20 minutos que poderedes disfrutar en breve no primeiro falangullo de CINEMA FRIKI.
O Porto perdeu contra o Schalke 04 nos penaltis. Non se rexistraron incidentes graves mais os alemáns non me deixaron durmir, toda a noite de festa e acordaron pronto a falar nese idioma tan desagradábel e con esas voces estilo trompetas de Xericó.
Fantasporto 2008. 28º Festival Internacional de Cinema do Porto
5 Marzo 2008CINEMA FRIKI estivo no Fantasporto 2008. 28 Festival Internacional de Cinema do Porto.
Aquí tedes un limiar coas entradas do diario zinéfago-gastronómico do evento | Veja aquí!
Porto. Día 2 (bis). (The Eye 10, Presumptes Implicats, Triangle)
Porto. Día 3. (Natural City, Mother of Tears, Hell’s Hound)
Porto. Día 4. (Mirror, Dark Corners, Cannibal, The Musical)
Porto. Día 5. (The Ferryman, The Record, Ellos robaron la picha de Hitler, RedRojo, La Habitación de Fermat)
Porto. Día 6. (Curtametraxes de animación portuguesas, Visitor Q, Evil Aliens, Wolfhound)
Porto. Conclusión + entrevistas. (Pendente de edición)
Porto. Día 5
5 Marzo 2008Levo dous días de peregrinaxe polos principais centros de adoración consumista: Fnac, MediaMarket, Central de Cómics… e conseguín sair sen mercar nada (e andar moito). A comida deste día foi sinxela: salchichas frescas cubertas con queixo fundido e patacas fritidas nun local preto da Central de Cómics. E de cea unha hamburguesa non moi alá no bar da policía que patrulla a Praça da Liberdade e arredores.
The Ferryman. (ou Caronte does the Fiji Islands) O subtítulo é meu. Dúas parellas pasan as vacacións nun iate propiedade dunha parella local de viaxe a Fidxi. A pesar dalgúns pequenos roces entre eles todo parece perfecto ata que atopan un náufrago nun barco en medio dun neboeiro. E a partir de aí temos sangue, violencia e un argumento curioso que dá lugar a situacións impensabeis ó principio do filme. Estou entre darlle o suspenso ou o aprobado raspado.
The Record. Un grupo de amigos vai de vacacións á montanha. Unha vez alí gástanlle unha broma pesada a un deles para gravar un video e “ser los putos amos de internet”, mais a cousa non sae ben e o mozo morre. Para non estragar as súas vidas e as súas posibilidades de entrar na universidade deciden facer un pacto de silencio e enterrar o corpo. Fan un buraco, botan o corpo, déixanlle a cinta no peto e préndenlle lume. Pero mira ti que o mozo non estaba morto, sae correndo e cae por un precipicio. Pero isto non era un filme de medo? Cando xa se esquezeran de todo un desconhecido empeza a ameazalos, perseguilos e matalos un a un. A vinganza está servida.
Cuns vimbios que xa deron bos resultados noutras ocasións podería ter sido moito mellor.
Ellos robaron la picha de Hitler. Humor descerebrado espanhol. Uns obreiros atopan o membro viril de Hitler e un dos maiores xenios científicos do III Reich, o doutor Weissman, fai que catro skinhead vai ata Berlín para roubala e así poder implantala nun ario vivo e traer de novo á vida ó Führer. A cousa non será sinxela pois intentarán facelos fracasar a Sociedade Secreta para a Destrucción do Macho, sociedade de féminas que colecciona os penes dos maiores persoeiros da historia, Ghandi, Kennedy, Alexandro Magno…
Dirixida por Peter Temboury ó filme non se lle pode pedir máis que boas risas e iso consígueo. E tetas, que para iso é un filme espanhol.
La habitación de Fermat. Todos sabemos de que vai o filme que xa foi estrenado en Galicia, mais coido que poucos a viron. Craso erro!! O filme está moi ben, mantendo a tensión e a intriga en todo momento. Moitos quererían facer unha ópera prima así.
E antes deste puidemos ver RedRojo, unha curta colombiana que é un xenial conto no que un neno tira dos fíos que atan a cidade e todas as cousas. Os curtametraxistas seguen a darnos esperanzas nisto do cinema e de vez en cando podemos ver unha luz ó final do túnel.
E non falo máis destes dous filmes porque hoxe espero poder falar cos seus autores. Entrevista en CINEMA FRIKI!
No deportivo máscase a traxedia. Levamos varios días con xente que só ten unha camisola a dar voltas pola cidade. Son os seguidores do Schalke 04 que esta noite xoga contra o FC Porto na Copa da UEFA. Na minha pensión hai uns cantos. Que non pase nada.
Porto. Día 4
4 Marzo 2008Explosión protéica!! Podían telo chamado así, con signos de admiración e todo, mais non, preferiron chamalo “francesinha”. Para os non iniciados direi que a francesinha é un sandwich (si, si, un sandwich!) que se fai da seguinte maneira: unha rebanada de pan de molde, unha loncha de xamón de York, un filete de vitela, salchicha, chourizo e por riba de todo queixo fundido, ademáis a minha tamén levaba un ovo fritido no cumio e patacas fritidas. Todo regado cun prebe feito con tomate, cervexa e picante. Tardas entre uns 15 e 20 minutos en caer totalmente rendido do sopor que produce a súa dixestión.
A primeira desta viaxe foi nun sitio chamado Tupí, tamén preto do teatro Sá de Bandeira.
E despois da sesta máis cinema:
Mirror. Podía ter sido unha boa historia de pantasmas malaia, mais alóngase en exceso e pérdese po-lo caminho. Unha moza a piques de casar ten un accidente, fai unha ferida na cara que non cura e comeza a escoitar voces que non lle dan moi boas ideas, semella que todo é culpa dunha maldición familiar e do espello do seu cuarto.
Suspenso para a organización do Fantasporto que nos fixo ver os primeiros 20 minutos primeiro a imaxe, despois a voz, despois os subtítulos en inglés e por último os subtítulos en portugués… Todo desincronizado. Para tolear.
Dark Corners. Unha muller sometida a un tratamento de fertilidade é asaltada por pesadelos nos que ve a outra muller moi semellante a ela que vive nun mundo oscuro e cheo de perigos. Sonho e realidade mistúranse durante toda a cinta, mais o que semellaba unha boa idea ensaríllase de tal maneira e pasan tantas cousas irrelevantes que ó final todos celebramos que rematara. Inda por riba a pretendida moralexa do filme non ten sentido ningún.
Cannibal, The Musical. Hai títulos nun festival que sabes que van ser un éxito seguro. O deste filme vén da suma Trey Parker + Troma + musical. Un mineiro namorado da sua égua é acusado de canibalismo e de matar ós seus companheiros no caminho de Utah a Colorado. Unha xornalista convencida da súa inocencia intentará axudalo. Un viaxe fascinante através do corazón dos EUA adobiado con cancións, pelexas con trampeiros e bondadosos nativos americanos samurai. Sangue, cancións e moito moito humor. Quen precisa de máis?
Déixovos, que vou ver o río.